Wednesday 26 de June de 2024

O Concello de Brión acomete unha completa rehabilitación da piscina de Bastavales a través do obradoiro de emprego Renova VI


O alcalde, Pablo Lago, felicitou ao alumnado do obradoiro dual de emprego Renova VI polo seu bo traballo

O alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, visitou ao alumnado do obradoiro dual de emprego Renova VI, promovido polos Concellos de Brión e Ames e financiado pola Xunta de Galicia. Un alumnado que estes días traballa nunha rehabilitación integral da piscina de Bastavales.

Uns traballos que incluíron a limpeza do vaso da piscina e a mellora da zona de praia, onde nos próximos días se colocará céspede artificial. Así mesmo, o alumnado fixo unha completa reforma dos vestiarios, onde cambiaron as duchas e as portas, ademais de proceder ao pintado interior e exterior da instalacións. De feito, grazas a estas actuacións, as duchas dos vestiarios da piscina de Bastavales disporán por primeira vez de auga quente.

Nestes momentos, os traballos céntranse no cambio da bomba de auga e dos filtros da piscina, así como de todo o sistema de tubaxes da instalación, tras o que se colocarán novas arquetas. “Unha completa rehabilitación e posta a punto da piscina municipal de Bastavales e que estará lista para a súa apertura ao público o vindeiro 1 de xullo”, adiantou Pablo Lago, quen agradeceu o gran traballo que está a levar a cabo o alumnado do obradoiro Renova VI no municipio.

O obradoiro dual de emprego Renova VI está promovido polos Concellos de Brión e Ames e sufragado a través dunha subvención de 531.046,20 euros concedida pola Xunta de Galicia para financiar os custos de formación de 20 alumnos e alumnas traballadores/as durante 12 meses. Un tempo no que están a recibir formación teórico-práctica do certificado de profesionalidade “Montaxe e mantemento de instalacións solares fotovoltaicas”, así como das especialidades “Mantemento de conservación de piscinas” e “Operacións auxiliares de mantemento en piscinas de uso colectivo e fontes ornamentais”.

Deja un comentario